Mil camiños para os teus pés (Parte 2)

Camino Norte Sobrado

O Camiño do Norte

É a ruta axeitada para os amantes da tranquilidade, para as persoas que disfruten coas paisaxes verdes e solitarias e que non lles importe lidar coa esixencia dalgúns tramos nas zonas máis elevadas. O mar, a montaña e as planicies da Terra Chá danse a man neste itinerario coñecido tamén como Camiño da Costa, que comeza en Irún e percorre o litoral cántabro para pisar territorio galego en Ribadeo.

Dende alí avanza polo interior ata Lourenzá, en cuxo mosteiro poderedes atopar un adianto do que vos agarda á vosa chegada a Compostela, pois dise que a súa fachada foi un ensaio para construír posteriormente a do Obradoiro.

Sorprenderavos o encanto de Mondoñedo, capital de provincia ata 1833, coa catedral e o seu enorme rosetón gótico, o seminario e o ambiente tranquilo deses lugares que parecen terse detido no tempo. Máis adiante, xa en terras da montaña coruñesa, xorde impoñente no medio dun val o mosteiro cisterciense de Sobrado, o que foi un dos grandes centros do poder eclesiástico en Galicia.

Ribadeo – Lourenzá (29 km)

Lourenzá – Abadín (25 km)

Abadín – Vilalba (22 km)

Vilalba – Miraz (33 km)

Miraz – Sobrado (26 km)

Sobrado – Arzúa (23 km)

Arzúa – Pedrouzo (18 km)

Pedrouzo – Santiago (21,1 km)

Esta é unha ruta consolidada, ben recuperada e sinalizada, ainda que o auxe do fenómeno xacobeo parece ter collido por sorpresa a algunha  localidade.

 

O Camiño Primitivo

Cal foi o primeiro camiño que conduciu a Santiago? A pregunta non ten unha resposta clara nin contundente, pero todo apunta a que puido ser o Primitivo, de aí o nome desta ruta que nace os pés da catedral de Oviedo e entra en Galicia por un dos seus teitos, o porto do Acebo, a 1.130 metros de altitude.

Apenas o 4% dos peregrinos decántase por esta variante que os levará por zonas de montañas despoboadas do interior menos coñecido de Galicia e que é, sen dúbida, a de maior esplendor paisaxístico. Tamén a máis dura, especialmente si chove ou neva. Non é o mellor camiño para facer en bici…

A parte galega desta ruta podese completar en 8 etapas que suman uns 178 kilómetros. O último hospital de peregrinos de Galicia, a cidade monumental de Lugo ou a serenidade da serra do Careón, un espazo natural protexido con flora e fauna case desaparecida, son só algún dos seus atractivos.

O Acebo – A Fonsagrada (14 km)

A Fonsagrada – O Cádavo (28 km)

O Cádavo – Lugo (31 km)

Lugo – San Román da Retorta (20 km)

San Román da Retorta – Melide (26 km)

Melide – Arzúa (16 km)

Arzúa – Pedrouzo (18 km)

Pedrouzo – Santiago (21,1 km)

Sabede cando cheguedes a Santiago que seguistes as pegadas do primeiro peregrino. Crese que foi o rei Alfonso II, quen no ano 813 e tras coñecerse  o achado do sepulcro do Apóstolo, desprazouse dende Oviedo para comprobalo en persoa. Así se orixinou o Camiño Primitivo. O seu punto final ben podería ser a gran estatua que, preto da facultade de historia e a praza de abastos, recorda a figura deste rei medieval, tamén coñecido como O Casto.

Camino Primitivo

 

Vía da Prata (Por Laza)

A Vía da Prata ten a honra de ser o trazado xacobeo con maior percorrido en terras galegas. Atravesa as provincias de (Ourense, Pontevedra e A Coruña) e conta cun amplo abano de variantes. Non obstante, segue sendo unha gran descoñecida para moitos peregrinos a pesar de que o seu traxecto inicial remóntase as calzadas romanas.

Con orixe na mesma porta da catedral de Sevilla, o percorrido galego desta ruta comeza en A Canda, unha aldea de 30 habitantes situada nun  porto de montaña cuxo ascenso non ten nada que envexar a famosa subida cara O Cebreiro.

Gastronomía, arte  e lendas constituen a esencia desta ruta que vos ofrecerá a posibilidade de probar o exquisito pan con denominación de orixe de Cea, empaparse da espiritualidade do mosteiro de Oseira e contemplar dende Ponte Ulla o símbólico Pico Sacro, esceario dun dos milagros protagonizados polos discípulos do Apóstolo.

A Canda – A Gudiña (18 km)

A Gudiña – Laza (35 km)

Laza – Xunqueira de Ambía (33 km)

Xunqueira de Ambía – Ourense (22 km)

Ourense – Cea (22 km)

Cea – Castro de Dozón (19,5 km)

Castro de Dozón – Silleda (28 km)

Silleda – Ponte Ulla (18 km)

Ponte Ulla- Santiago (16 km)

Non esperedes atopar o longo deste itinerario nin un ápice do material precioso ao que alude o seu nome. Vía da Plata procede da degradación dunha palabra árabe, bal´latta, que significa camiño empedrado.

Via de la Plata

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *