Gastronomía de Galicia; un Camiño por descubrir

zamburiñas Galicia 1

Probablemente xa o saberedes. En caso contrario, descubrirédelo con toda seguridade o poñer os vosos pés en territorio galego: aquí comese moito e moi ben. De feito a gastronomía é un dos grandes atractivos de Galicia, que recibe sempre o visitante con unha mesa chea de sabores e produtos de calidade do máis variado. Así, un dos mellores indicadores da paixón por esta terra polo bo comer e o bo beber son as súas festas gastronómicas, que se contan por miles de norte a sur e que homenaxean dende os produtos máis típicos e coñecidos (polbo, grelos, viño, queixo…) ata os máis singulares: ourizo de mar, congro, cabaza ou peixe espada…

Sen dúbida o marisco é un dos produtos estrela da nosa gastronomía. Non podía ser doutra maneira si temos en conta que en Galicia viviu sempre de cara o mar e posúe 1300km de costa nos que os acantilados azoutados  polas ondas máis bravas de Europa dan paso as plácidas augas das nosas rías. Esa combinación da como resultado ecosistemas únicos dos que se nutren os mercados gastronómicos máis esixentes. Do noso mar saen máis de 80 variedades de peixes e un amplo abanico de mariscos: centolas, lubrigantes, zamburiñas, camaróns, ostras, nécoras, ameixas, mexillóns, navallas…

Si non se vos ocorre como celebrar a vosa chegada o obradoiro, propoñémosvos que o fagades con unha boa mariscada. E se o presuposto vos alcanza (son realmente caros) non deixedes de probar os percebes; un auténtico tesouro do noso mar. O seu prezo está máis que xustificado, pois son extraídos a man das rochas en unha loita cara a cara coas olas na que os “percebeiros” se xogan  constantemente a vida. Entre as nosas recomendacións tamén están outros dos pratos tradicionais de elaboración sinxela pero sabor exquisito. O bacallau  e a pescada á galega, que normalmente se serven cocidos, con sofrito e acompañados por “cachelos”. Por suposto, sobra dicir que non deberiades marcharvos sen probar o menos unha ración de polbo a feira no seu prato de madeira e convenientemente aliñado con aceite de oliva, sal gorda e pemento.

percebeiros Galicia

Galicia caracterizouse sempre pola dicotomía entre a costa e o interior, dous mundos completamente diferentes pero que marcaron por igual o desenvolvemento desta rexión e a súa gastronomía. Por iso si do mar saen manxares exquisitos, tamén a terra ofrécenos produtos de calidade que se traducen en ricos pratos. Xa que a maioría  de rutas xacobeas atravesan terras do interior, teredes boas oportunidades para probar a gastronomía propia de cada unha das comarcas, na que case nunca faltará a carne de porco e a tenreira galega, procedente de unha raza autóctona con denominación de orixe.

Un dos pratos máis coñecidos, común en todo Galicia, é o lacón con grelos. Como o seu nome indica, componse de lacón de porco, grelos, patacas cocidas e chourizo. Similar, pero moito máis completo, é o cocido galego. Tanto un como outro son pratos típicos do Entroido, aínda poderedes comelos en calquera época do ano. Iso si, acompañados de verdura de temporada, pois os grelos só medran durante un par de meses o final do inverno. Aqueles que pasedes polas zonas do centro e o sur de Lugo non deixedes de probar o “botelo” e a “androlla” riquísimos embutidos recheos con carne de porco asado e picada en anacos pequenos, previamente adobada con pemento, sal e allo. Adóitaselle engadir osos e se embute nunha tripa grosa para logo curala afumándoa.

Son estas comidas que agradecen máis que ningunha outra un bo vaso de viño e un anaco de bo pan. Para iso Galicia e o sitio perfecto. O pan artesán galego, recoñecido e valorado en toda España pola súa calidade, é moito máis que un acompañamento; ten identidade propia. As variedades máis famosas conservaron o seu sabor e morfoloxía tradicional a pesar da modernización dos procesos. Sonaravos o coñecido pan de Cea, e probablemente tamén o pan de Carral, o de Ousa ou o de Neda. O éxito de todos eles basease na materia prima utilizada (trigo galego), na calidade da auga, o maior tempo posible de fermentación e cocción, para a que se utilizan en moitas ocasión fornos de pedra e leña.

empanada galicia

Relacionadas co pan están as empanadas, o produto que nunca falta en calquera festa ou comida similar que se prece. Normalmente teñen forma redondeada e sérvense como aperitivo ou entrante. É practicamente imposible que non vos atopedes a empanada entre as primeiras propostas das cartas dos restaurantes. Consiste nun recheo de diferentes ingredientes previamente elaborados que se meten entre dúas capas de masa e se cociñan no forno. As máis típicas son as de carne, atún ou bacallau, aínda que en este caso a receita deixa moito marxe para a imaxinación a hora de elaborar un recheo: zamburiñas, mexillóns, polo con champiñóns, pementos, chourizo e queixo, mazá…

Ánimo! Aínda non chegamos á sobremesa! Sabemos que o voso estómago está cheo pero non podedes deixar de probar algunhas das nosas sobremesas típicas. As filloas (doces ou salgadas) son unha delas, unha sobremesa moi simple elaborada a base de auga ou leite, ovo e fariña que ten os seus orixes na época romana. Poden acompañarse con mel, marmelo, marmelada, chocolate e incluso nata. Entre as tartas máis populares están a de Santiago, elaborada a base de amendoa moída, e a de Mondoñedo (Lugo), feita con follado, froitos secos e froitas; ámbalas dúas incluso fora de Galicia. Ademais dos doces propiamente ditos nunca se pode renunciar o queixo fresco ou curado, que se come por igual como aperitivo, merenda ou sobremesa, caso este último que se soe acompañar con marmelo.

Como sabedes, a gastronomía non só consiste en comer, si non en gozar diso dende o coñecemento dos produtos que temos sobre o prato e o modo en que foron cociñados. Non sempre é doado cando se viaxa acceder a esa cara B da cociña, onde nunca mellor dito, cócese o importante. En Galician Roots dámosvos a oportunidade de realizar unha verdadeira inmersión na gastronomía galega a través de diferentes talleres demostrativos e prácticos que vos permitirán achegarvos a elaboración dalgúns dos nosos pratos máis representativos, como o polbo, os mariscos, a empanada, o pan ou as sobremesas típicas.

https://galicianroots.com/index.php/gl/pagina/id/24

Bo camiño e bo proveito!

Tarta de Santiago

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *