Benvidos o novo blog de Galician Roots

Neste primeiro post queríamos contarvos un pouco máis sobre Galician Roots e a súa historia. Galician Roots é o soño cumprido de dous mozos de 30 e 32 anos. Despois de quedar ambos os dous en paro a situación parecía bastante complexa, o paro está polas nubes e atopar traballo e case como xogar a lotaría. Inda que non parecía o intre máis axeitado para lanzarse a unha aventura empresarial quizais por moitos motivos pareceunos o único e mellor intre para tentalo.

A idea de Galician Roots xurdiu a raíz de varias viaxes que tivemos a sorte de poder facer, esas famosas frases que comezan por “imaxínaste” ou “ e se…” xa levaban tempo aparecendo nas conversacións. Sempre que visitábamos algún sitio víñanos a cabeza Galicia e pensábamos que parte do atractivo turístico que temos aquí é totalmente descoñecido e que incluso ata nós mesmos non valoramos o suficiente os lugares tan belos que temos o lado da casa.

Galicia

Así comezou a medrar e tomar forma o proxecto de crear Galician Roots, unha axencia de viaxes adicada a descubrir exclusivamente Galicia. O noso obxectivo é promocionar e mostrar as distintas facetas da nosa terra, cultura e tradición para compartir todos aqueles sitios que nos fascinan. A día de hoxe conseguimos crear unha páxina con rutas e viaxes que nos gustan pero aínda nos queda moito por facer. Ver que pouco a pouco se vai convertendo no que tiñamos pensado é un gran agrado.

Pero temos que recoñecer que chegar a cumprir este obxetivo foi moi complexo e laborioso. E non dicimos isto para desanimar a todos aqueles que teñan en mente abrir nun futuro a súa empresa, só se trata dunha experiencia persoal que cremos pode servir de exemplo da situación actual na que nos atopamos moitos emprendedores. A paciencia ademais dunha virtude en estes casos é case milagrosa…

Tardamos moitos meses en poñer en marcha a nosa empresa e en gran parte este retraso debeuse a falta de axilidade e información a nivel administrativo e tamén a falta de axilidade dos intermediarios. Non existe unha lexislación propia para axencias de viaxes só online en Galicia (en ese intre non había…). Así que seguimos os pasos para abrir unha axencia de viaxes convencional con oficina sin saber si o final cumpriríamos todos os requisitos. Aínda que os papeis a presentar non eran moitos algúns antoxáronse difíciles de conseguir e tiveron que pedirse en repetidas ocasións. Un en particular era un aval para axencias de viaxes que só conceden algunas corredurías de seguros especializadas en este ámbito.

Conseguir unha aseguradora que nos facilitara a información e os papeis que precisábamos foi todo un reto porque tardamos máis de un mes, e aínda que pareza mentira tivemos que insistir.

Ao fin acadamos a nosa póliza e o correspondente formulario firmado e selado para a xunta pero este papel tivo que ser reenviado 3 veces, primeiro a conselleria cambiou de nome así que xa non era válido o impreso, despois o decreto foi modificado e entón tampouco era válido e a terceira apareceu extraviado na mesa dun dos funcionarios encargados. Isto fíxonos perder moitísimo tempo porque cada vez que tíñamos que volver enviar este impreso a Madrid a aseguradora, que no lo devolvesen firmado e selado e recibir outra resposta da xunta supoñia outras 3-4 semanas… esta é a anécdota que mellor exemplifica isa lentitude a que nos referíamos. Temos unhas cantas máis pero creo que con esta xa vos facedes unha idea.

Cando por fin conseguimos ter a nosa licenza xa pasaran moitos meses e perdimos boa parte da tempada vacacional. Despois de tantos meses de traballo para poder abrir a tempo é moi frustrante ver que as cousas non saen adiante non por falta de traballo si non por lentitude e empedimentos en boa parte administrativos. Dada a situación do país e das dificultades a nivel laboral sería de agradecer que aqueles que emprenden recibisen un mellor asesoramento e máis axeitado, e con esto referímonos a alguén que axude realmente sobre os pasos a seguir e que non te manden a outra xanela para ser atendido…

Dito isto queremos dar ánimos a todos aqueles que se propoñen montar o seu propio negocio, aínda que o camiño é moi duro as veces, e nunca mellor dito, é moi gratificante poder crear algo da nada e sentir que realmente é teu. Ver como vai evolucionando e cambiando, facer listas de melloras para os anos seguintes, pensar en novos recorridos e viaxes e sobretodo ver que a túa idea vai dando os seus froitos é unha experiencia moi gratificante.

Así que si tedes unha idea ou un proxecto que vos entusiasma e estades pensando en poñelo en marcha agardamos que o intentedes e sobre todo non desistades porque os resultados tardan un pouco en facerse notar.

Deixámosvos co enlace da nosa páxina e esperamos que a disfrutedes tanto coma nós:

www.galicianroots.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *